Biblioteca:
Propostas de normalización lingüística na administración local

A Ordenanza Municipal de Normalización Lingüística


 

Capítulo Décimo: da selección, provisión e reciclaxe do persoal


Artigo XXII
A declaración de oficialidade do idioma galego esixe que todo o persoal ó servicio da corporación estea en condicións de empregalo nos dous niveis, oral e escrito, en igualdade có castelán e de acordo coa natureza do seu obxectivo establécese o seguinte:

Artigo XXIII
23.1. Nas convocatorias para o acceso a prazas de persoal do Concello, xa sexa funcionario, laboral ou de calquera outro xeito, ha de figurar, como condición obrigatoria que tódolos aspirantes acrediten o coñecemento da lingua galega conforme á función desempeñada.
23.2. A proposta da Comisión de seguimento desta ordenanza o Pleno do Concello establecerá nas bases das convocatorias o nivel de galego que acreditarán os aspirantes.

Artigo XXIV
24.1. Na provisión dos postos de traballo, incluídos os cargos con habilitación nacional, os candidatos han de ser capacitados e posuír un grao de coñecemento da lingua galega, tanto na expresión oral como na escrita, que os fagan aptos para desenvolve-las súas funcións.
24.2. A proposta da Comisión de seguimento desta ordenanza, o Pleno do Concello, á hora de defini-los postos de traballo, establecerá os niveis e contidos respectivos de coñecemento oral e escrito da lingua galega para cada caso, e ha de considera-lo coñecemento expreso da lingua galega como requisito indispensable ou mérito preferente de acordo coa avaliación que se estableza.

Artigo XXV
O Servicio de normalización lingüística formará parte dos tribunais cualificadores para face-la valoración dos coñecementos de galego, na selección de persoal e na provisión de postos de traballo.

Artigo XXVI
Os responsables dos diferentes órganos do Concello de ....... de acordo co Servicio de normalización lingüística tomarán as medidas necesarias para que, nos órganos da súa competencia, o persoal que neles traballe teña os coñecementos precisos de galego a fin de garantir un desenvolvemento correcto, desde o punto de vista lingüístico das tarefas internas ou dirixidas ós administrados.

Artigo XXVII
O Concello de ......, de acordo co Servicio de normalización lingüística, organizará cursos de lingua galega para todo o funcionariado que non teña os coñecementos necesarios para exerce-las súas funcións e para mellora-lo nivel de linguaxe administrativa ou doutras especialidades.

Artigo XXVIII
Será obrigatorio para todo o funcionariado adquiri-lo nivel de coñecemento establecido nas bases, de acordo cos criterios e termos que fixe a Comisión de seguimento da ordenanza.
O persoal ó servicio da corporación que teña acreditado o coñecemento do idioma galego ou participase nos programas de formación ou perfeccionamento deberá utilizalo no seu traballo.

Artigo XXIX
A formación profesional do persoal funcionario e laboral do Concello de ....... farase en lingua galega, sempre que dependa do Concello a programación e organización. De non depender del, o Concello demandará que se faga en galego.


  Capítulo Noveno    |    Capítulo Undécimo