Biblioteca:
Propostas de normalización lingüística na administración local


 

Os dereitos lingüísticos do persoal ó servicio das entidades locais


Co fin de aplica-lo establecido na lexislación vixente e ós efectos de garanti-los dereitos lingüísticos do persoal ó servicio das entidades locais, as corporacións poden recoller de xeito explícito estes dereitos nos textos dos convenios colectivos ou dos acordos reguladores das condicións de traballo.

A modo de exemplo, reproducimos a redacción escollida no Concello de Santiago:


««CAPÍTULO IX.- DEREITOS LINGÜÍSTICOS

Art. 9.1.- Os/as traballadores/as ó servicio do Concello de ........ teñen o dereito e o deber de desenvolve-la súa actividade laboral e profesional no idioma galego, como lingua oficial na Comunidade Autónoma e, en particular, do Concello de ........., e a acceder a vías de formación lingüística en relación co servicio público e co perfil do posto de traballo, no marco das disposicións contidas no Estatuto de Autonomía, Lei 3/83 de Normalización Lingüística de Galicia, Lei 5/1988 que regula o uso do galego nas entidades locais e Ordenanza Municipal de Normalización Lingüística.

Art. 9.2.- O Concello de ......... establecerá, de acordo coas disposicións normativas nomeadas e coas que puidesen dictarse nese ámbito, as medidas adecuadas para garantir ós seus empregados e empregadas o exercicio pleno e sen restriccións dos dereitos recollidos neste capítulo, nos niveis oral e escrito do uso do idioma galego.

Estas medidas incluirán necesariamente, entre outras, as seguintes:

a) A elaboración dun programa de formación lingüística para o persoal.

b) A regulamentación da avaliación do coñecemento do idioma galego para os efectos de acceso, promoción interna e provisión de postos de traballo.

c) A implantación dos sistemas de traballo que aseguren o exercicio do dereitos dos traballadores do Concello a desenvolve-la súa actividade laboral en galego.

d) A adopción das medidas imprescindibles tendentes a garanti-lo dereito dos administrados a ser atendidos na lingua oficial de Galicia.

Art.9.3.1. Os funcionarios e as funcionarias teñen dereito a asistir a cursos de aprendizaxe e perfeccionamento do idioma galego organizados polo Concello dentro do horario de traballo. O tempo investido na asistencia ós devanditos cursos será computado como tempo efectivo de traballo.

Art.9.3.2. O Concello dispoñerá os medios suficientes no que a substitución de persoal se refire para posibilitar e promociona-la asistencia dos/as traballadores/as ó seu servicio a cursos de aprendizaxe ou perfeccionamento do idioma galego.

Art.9.4.1. Para potencia-lo emprego do idioma galego no Concello de ........ e garanti-lo dereito dos administrados ó uso do galego nas súas relacións coa Administración Pública, nas probas selectivas que se realicen para o acceso ás prazas incluirase unha proba do coñecemento da lingua galega, consonte co establecido na Ordenanza Municipal de Normalización Lingüística.

Art.9.4.2. Nos programas das probas de selección de persoal do Concello de ........ incluirase o coñecemento da Lei 3/83 de Normalización Lingüística de Galicia e da Ordenanza Municipal de Normalización Lingüística do Concello de ........»»


  Anterior    |    Seguinte