Biblioteca:
Propostas de normalización lingüística na administración local

O servicio e a comisión municipal de normalización lingüística. Algunhas medidas normalizadoras


 

Propostas de posibles pasos a dar


Aínda que o obxectivo a perseguir debe se-la elaboración dun Plano de Normalización Lingüística, dado que a elaboración deste documento é un traballo a medio prazo, máxime se aínda non se creou o Servicio Municipal de Normalización Lingüística ou se os/as especialistas contratados non pertencian ó cadro de persoal do concello, isto non debe constituír ningún tipo de impedimento para adoptar diferentes medidas que contribúan á normalización do galego.

A seguir relacionamos algunhas das posibles actuacións que, de xeito inmediato e gradual, pode promover calquera corporación local.

A nivel interno
  • Deseño da formación lingüística básica do cadro de persoal mediante a organización, consonte co establecido na Orde que os regula, de cursos de iniciación e perfeccionamento de lingua galega. De non ser posible a organización destes cursos, facilita-la asistencia do persoal ós convocados en colaboración coa EGAP ou por outros organismos e entidades.

  • Normalización da documentación administrativa -principiando pola de uso máis común- e da rotulación das diferentes dependencias da Casa do Concello.

  • Normalización da rotulación dos restantes edificios municipais, padroados, etc.

  • Normalización da rotulación dos vehículos municipais e do mobiliario urbano.

  • Aprobación da Ordenanza Municipal de Normalización Lingüística e cumprimento do establecido na mesma.

  • Adopción dos correspondentes acordos para contribuír a que as festas que organice o concello ou aquelas que conten coa colaboración municipal sexan máis galegas no fondo e na forma, adoptando a estes efectos as medidas que promoveu o Concello de Redondela e ás que se sumaron varios concellos galegos:

    1. Esixirlle ás orquestras que o 40% do seu repertorio sexa interpretado en lingua galega. Solicitar dos vocalistas ou animadores das orquestras que nas verbenas se dirixan ó público en lingua galega.

    2. Demandar dos párrocos a liturxia en lingua galega.

    3. Facer publicidade estática (carteis) anunciando as festas e as mensaxes megafónicas estean en lingua galega, condicionando a subvención municipal a que se cumpra este requisito.

    4. Na medida en que a toponimia ten como única forma oficial a galega, este extremo ten que ser reflectido obrigatoriamente na publicidade das festas.

    5. Contribuír a dignifica-lo uso das bandeiras. Tanto a española como a galega están recoñecidas por Lei. Deben ser utilizadas para as fins que lles son propias, evitando que haxa un predominio no número entre unhas e outras.
      O tamaño de ámbalas dúas debe ser idéntico.
      Polo que respecta ós Himnos, tamén deben ser empregados para as fins que lles son propias. E despois de ser aprobada a Lei de Símbolos de Galicia, que recoñece como oficial o Himno Galego, o vello costume de interpretar uns compases do Himno do Estado no momento cume na Misa Maior semella fóra de lugar. Debe ser acompañado por un himno litúrxico.

  • Adopción dos correspondentes acordos para que as entidades ás que se lles conceda algunha subvención municipal ou coas que se chegue a calquera convenio de colaboración, editen en lingua galega a propaganda da actividade subvencionada.

  • Creación do Servicio municipal de normalización lingüística.


A nivel externo
  • Difusión pública dos acordos adoptados en materia de normalización.

  • Promove-la sinatura de convenios con entidades e asociacións que se mostren favorables á galeguización do seu funcionamento interno e externo.

  • Promove-la divulgación dos dereitos lingüísticos das cidadás e cidadáns.

  • Difundir entre os diferentes colectivos as liñas de axudas en materia de normalización lingüística.

  • Desenvolver campañas de sensibilización lingüística tanto de carácter xeral coma sectorial.

  Anterior    |    Seguinte