Lexislación:
Educacion

Decreto 247/1995, do 14 de setembro, polo que se desenvolve a Lei 3/1983, de normalización lingüística, para a súa aplicación ó ensino en lingua galega nas ensinanzas de réxime xeral impartidas nos diferentes niveis non universitarios.


 

Capítulo II

As linguas oficiais en Galicia como materia de ensino e o ensino en lingua galega



Artigo 2º

1.- Nas ensinanzas de réxime xeral e de educación das persoas adultas, recollidas na Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, asignarase globalmente o mesmo número de horas ó ensino da lingua galega e da lingua castelá.

2.- Nas clases de lingua e literatura galega e literatura e lingua castelá, usarase respectivamente o galego e o castelán, tanto por parte do profesorado como por parte do alumnado.

Artigo 4º

1.- Na etapa de educación infantil e no primeiro ciclo da educación primaria os profesores e profesoras usarán na clase a lingua materna predominante entre alumnos e alumnas, terán en conta a lingua ambiental e coidarán que adquiran de forma oral e escrita o coñecemento da outra lingua oficial de Galicia, dentro dos límites propios da correspondente etapa ou ciclo.

2.- Atenderase de xeito individualizado a aqueles alumnos e alumnas do grupo que non teñan coñecemento suficiente da lingua materna predominante, segundo se sinala no punto anterior.

3.- No segundo e no terceiro ciclos de educación primaria impartiranse en galego dúas áreas de coñecemento, cando menos, sendo unha delas a área de coñecemento do medio natural, social e cultural.

Artigo 5º

1.- Na educación secundaria obrigatoria impartirase en galego a área de ciencias sociais (xeografía e historia) e a área de ciencias da natureza.

2.- Das materias optativas impartiranse en galego as de ciencias medioambientais e da saúde e, se é o caso, a optativa ofertada polo centro.

Artigo 6º

1.- No primeiro curso de bacharelato impartirase en lingua galega como materia común a filosofía e como materias específcias de modalidade as seguintes: tecnoloxía industrial I (bacharelato de tecnoloxía); bioloxía e xeoloxía (bacharelato de ciencias da natureza e da saúde); histoira do mundo contemporáneo (bacharelado de humanidades e ciencias sociais); debuxo técnico (bacharelato de artes).

2.- No segundo curso de bacharelato o alumnado recibirá o ensino en galego de historia, como materia común, e como materias específicas de modalidade: debuxo técnico, tecnoloxía industrial (bacharelato de debuxo tecnoloxía); ciencias da terra e medioambientais, debuxo técnico (bacharelato de ciencias da natureza e da saúde); xeografía, historia da arte, historia da filosofía (bacharelato de humanidades e ciencias sociais); historia da arte (bacharelado de artes).

3.- Así mesmo serán impartidas en galego as seguintes materias optativas: ética e filosofía do dereito, introducción ás ciencias políticas e socioloxía e historia e xeografía de Galicia.

4.-Na formación profesional específica de grao medio e superior o alumnado recibirá ensino en galego nas áreas de coñecemento teórico-práctico que faciliten a súa integración socio-laboral.

Artigo 7º

Segundo o disposto no artigo 13-3º da Lei de normalización lingüística, os alumnos e as alumnas non poderán ser separados en centros nin aulas diferentes por razón de lingua. Artigo 8º

1.- Nas áreas ou materias impartidas en lingua galega débese procurar que os alumnos e as alumnas a utilicen nas manifestacións oral e escrita.

2.- Os materiais que se empreguen nas áreas ou materias ás que se refire o parágrafo anterior estarán escritos normalmente en galego, terán a calidade científica e pedagóxica adecuada e atenderán, sen prexuízo da súa proxección universal, ás peculiaridades de Galicia. Con este fin a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria fomentará a elaboración e publicación dos materiais curriculares correspondentes.

Artigo 9º

Nas áreas ou materias -distintas ás sinaladas nos artigos 4º.3, 5º e 6º - empregarase a lingua que se teña establecida no proxecto educativo de centro aprobado polo claustro e o consello escolar. En todo caso, no proxecto educativo do centro coidarase e respectarase o equilibrio entre as dúas linguas oficiais e nel constarán as oportunas medidas de apoio e reforzo para un correcto uso lingüístico escolar e educativo co fin de acada-lo obxectivo xeral establecido na Lei de normalización lingüística (Art. 14.3º).


Artigo 10º

En todo caso, para facer efectivo o dereito á educación, os profesores e profesoras adoptarán as medidas oportunas co fin de que os alunnos e alumnas que non teñan o suficiente dominio da lingua galega poidan seguir con proveito as ensinanzas que nesta linguas lles impartan.

Terase en conta o establecido no Decreto 253/1990, do 18 de abril, sobre exención da materia de lingua galega no ensino básico e medio, así como a orde que o desenvolve.

Artigo 11º

A inspección educativa velará polo cumprimento do establecido no presente decreto. Con tal fin os centros docentes públicos e privados que impartan ensinanzas de réxime xeral non universitarios remitirán á inspección educativa os horarios, áreas e materias impartidas en lingua galega, así como a relación dos materiais curriculares empregados nestas materias.


  Capítulo I    |    Disposicións