Lexislación: Europea Proxecto da Carta Europea das Linguas rexionais ou minoritarias aprobada polo Comité de Ministros do Consello de Europa Parte III | ||
Artigo 12 Medios de comunicación. 1. As Partes comprométense, cos falantes das linguas rexionais ou minoritarias, dentro dos territorios en que estas linguas son practicadas, de acordo coa situación de cada lingua e na medida en que as autoridades públicas teñen, dunha maneira directa ou indirecta, unha competencia, uns poderes ou un papel neste terreo, a: a) se a radio e a televisión son un servicio público: 1. aseguraren a creación cando menos dunha estación de radio e canal de televisión nas linguas rexionais ou minoritarias; ou 2. fomentar e/ou facilita-la creación cando menos dunha estación de radio e un canal de televisión nas linguas rexionais ou minoritaias; ou 3. prever emisións nas linguas rexionais ou minoritarias nas estacións de servicio público; b) 1. fomentar e/ou facilita-la creación cando menos dunha estación de radio nas linguas rexionais ou minoritarias; ou 2. fomentar e/ou facilita-la emisión de programas de radio nas linguas rexionais ou minoritarias, dunha forma regular; c) 1. fomentar e/ou facilita-la creación cando menos dun canal de televisión nas linguas rexionais ou minoritarias; ou 2. fomentar e/ou facilita-la difusión de programas de radio nas linguas rexionais ou minoritarias, de forma regular; d) 1. fomentar e/ou facilita-la creación e/ou mantemento cando menos dun órgano de prensa nas linguas rexionais ou minoritarias; ou 2. fomentar e/ou facilita-la publicación de artigos de prensa nas linguas rexionais ou minoritarias, de forma regular; e) cubri-los custos suplementarios dos medios de comunicación que utilicen as linguas rexionais ou minoritarias, en caso de que a lei prevexa unha asistencia financeira en xeral para os medios de comunicación; f) soste-la formación de xornalistas e de persoal para os medios de comunicación que utilicen as linguas rexionais ou minoritarias. 2. As Partes comprométense a garanti-la liberdade de recepción de programas dos países veciños feitos nunha lingua practicada baixo unha forma idéntica ou próxima á lingua rexional ou minoritaria, e a non se opoñer á retransmisión destes programas no seu territorio. O exercicio destas liberdades, que comporta deberes e responsabilidades, pode ser sometido a certas formalidades, condicións, restricións ou sancións previstas pola Lei, as cales constitúen medidas necesarias, nunha sociedade democrática, para a seguridade nacional, a integridade territorial ou a seguridade pública, a defensa da orde e a prevención do crime, a protección da saúde e da moral, a protección da reputación ou dos dereitos doutros, e para impedi-la divulgación de informacións confidenciais ou garanti-la autoridade e a imparcialidade do poder xudicial. As mesmas disposicións serven para a prensa. 3. As Partes comprométense a velar por que os intereses dos falantes das linguas rexionais ou minoritarias sexan representados ou tomados en consideración no marco das estructuras, de existiren, que teñen por misión garanti-la liberdade e a pluralidade dos medios de comunicación. | ||
Artigos 11 | Artigo 13 |