Lexislación:
Europea

Proxecto da Carta Europea das Linguas rexionais ou minoritarias aprobada polo Comité de Ministros do Consello de Europa

Parte III


 

Artigo 14


Vida económica e social.

1. Polo que se refire ás actividades económicas e sociais, as Partes comprométense, para o conxunto do país, a:

a) excluír da súa lexislación calquera disposición que prohiba ou limite sen razóns xustificables, o recurso a linguas rexionais ou minoritarias nos actos da vida económica ou social e, especialmente, nos contratos de traballo e nos documentos técnicos, como as prescricións de uso de productos ou de equipamentos;

b) prohibi-lo inserimento nos regulamentos internos das empresas e nos actos privados de cláusulas que exclúan ou limiten o uso das linguas rexionais ou minoritarias, cando menos entre os falantes da mesma lingua;

c) opoñerse ás prácticas que tendan a desalenta-lo uso das linguas rexionais ou minoritarias no marco das actividades económicas e sociais;

d) facilitar e/ou fomentar, a través doutros medios non contemplados nos parágrafos anteriores, o uso das linguas rexionais ou minoritarias.



2. No ámbito das actividades económicas e sociais, as Partes comprométense, na medida en que as autoridades públicas teñan algunha competencia nelas, dentro do territorio en que as linguas rexionais ou minoritarias son practicadas, e na que medida en que sexa razonablemente posible, a:

a) definir, cunha regulamentación financeira e bancaria, modalidades que permitan, nas condicións compatibles cos usos comerciais, a utilización das linguas rexionais ou minoritarias na redacción das actas de pagamento (cheques, letras de cambio, etc.) ou doutros documentos financeiros, ou, eventualmente, velar pola realización deste proceso;

b) nos sectores económicos e sociais que se encontren directamente baixo o seu control (sector público), realizar accións de promoción que tendan a fomenta-lo uso das linguas rexionais ou minoritarias;

c) velar para que os equipamentos sociais, como os hospitais, as residencias da terceira idade, ofrezan a posibilidade de recibiren e coidaren na súa propia lingua os falantes dunha lingua rexional ou minoritaria en tanto que destinatarios de coidados por razóns de saúde, da idade ou outros;

d) velar, de acordo coas modalidades apropiadas, por que as consignas de seguridade sexan redactadas tamén nas linguas rexionais ou minoritarias;

e) facer accesibles nas linguas rexionais ou minoritarias as informacións dadas polas autoridades competentes sobre os consumidores.


  Artigos 13    |    Artigo 15